UNHA OLLADA FEMINISTA
Falamos sobre violencia obstétrica e patriarcado con Sandra Afreijo, Julia Cañero e Nuria Coronado, mulleres, nais, feministas e coñecedoras desta problemática.
“ ‘É polo teu ben’. Só con escoitar isto deberiamos arrepiar” – sentencia Sandra Afreijo, de Maternidades Feministas Galegas (MATERFEM) no medio da conversación- “Esa frase está á orde do día en calquera intervención médica no parto. A violencia obstétrica exércese dende as raíces do sistema patriarcal que busca, como nos explica Julia Cañero, antropóloga e escritora feminista, “quedarse cos nosos procesos: apropiarse, usurpalos e intervir sobre eles para que non sexamos donas”. Un sistema que perpetúa o modelo biométricoo no que se infantiliza ás mulleres tratándoas como enfermas e patoloxizando todo o que está arredor da sexualidade e reprodución. Un sistema tan arraigado na sociedade que fai que un tipo de violencia recoñecida pola ONU como violencia contra a muller non estea lexislada no noso país, quedando fóra do Anteproxecto de Lei de Saúde Sexual e Reprodutiva levada neste mesmo ano ao Congreso.
“O propio Ministerio avogaba por incluír a violencia obstétrica dentro do Anteproxecto de Lei e finalmente, polas presións do Consello Xeral de Colexios Oficiais de Médicos, que negan a súa existencia, non se incluíu”, explica Sandra Afreijo. “Lembremos que a maioría dos xinecólogos e obstetras seguen a ser homes”, matiza. “Non hai dende a propia medicina unha perspectiva feminista” apunta Nuria Coronado, xornalista e escritora. “Algo que pensabamos que era casual é causal”.
No horizonte para mellorar esta situación e camiñar cara un parto respectado está a labor da propia loita feminista: “A maternidade ás veces está desvalorizada dende o mesmo feminismo” reflexionan Sandra e Julia “ Se puidemos reivindicar e conseguir os dereitos cando non queremos ser madres, temos que conseguilos tamén cando queremos selo. Hai que incluír a maternidade na axenda feminista: protexer os procesos, visibilizalos, concienciar e sobre todo lexislar”.
“Lembremos que maternar é un acto político”, conclúe Nuria, e que “temos que exercelo todas e para todas para unha maternidade máis feliz e plena”.
"Lembremos que maternar é un acto político e que temos que exercelo todas e para todas para unha maternidade máis feliz e plena"
Mulleres, nais, feministas e coñecedoras da problemática: as nosas convidadas
Nuria Coronado, xornalista e escritora
Julia Cañero, antropóloga e escritora feminista
Sandra Afreijo, activista en Maternidades Feministas Galegas
O cambio empezou, mais o camiño é longo e require sumar esforzos
Dende que se comezou a utilizar o termo “violencia obstétrica” son moitas as mulleres que denunciaron os malos tratos recibidos. Con todo, aínda é un termo descoñecido para gran parte da poboación. Isto dificulta que se denuncie máis activamente e se tomen medidas contundentes sobre o tema.
As persoas que denuncian a violencia obstétrica e traballan para combatela coinciden en que é unha práctica normalizada e que non se fai expresamente co propósito de danar á muller. No caso concreto do sector profesional son moitos os sanitarios e sanitarias que están a levar a cabo un proceso de deconstrucción e grazas ao seu constante traballo vense xa os primeiros froitos da reivindicación polos dereitos da muller neste eido.
“Sería importante trabajar de forma más horizontal entre profesionales y mujeres. De hecho, son las propias mujeres las que están reclamando ser escuchadas, ser respetadas, y eso no podemos ignorarlo”, apunta Marta Galindo, comadrona desde hace 17 años. A sociedade e o persoal sanitario non teñen roles enfrontados, o obxectivo debe ser o mesmo: conseguir que se respecten os dereitos das mulleres. “Creo que reconocer un problema es el primer paso para erradicarlo. Por tanto, es muy importante que sepamos hacer autocrítica nosotrxs mismas sin sentirnos atacadxs. El problema no es ese, el problema es que está habiendo una vulneración de derechos y que estamos siendo cómplices de ello si no nos esforzamos en deconstruírnos. Creo que esta es la única forma para erradicar este tipo de violencia”, apunta Marta. O cambio empezou, pero o camiño é longo e require de apoio e sensibilidade.