A SITUACIÓN actual
Para establecer o contexto da nosa reportaxe, así como para entender a trascendencia do antixitanismo na sociedade e nos medios de comunicación, quixemos analizar por unha banda a situación sociopolítica da poboación xitana e por outra a percepción da discriminación respecto a este colectivo.
O primeiro a destacar é a dificultade para atopar estudos cun enfoque neutral ou simplemente descritivos sobre aspectos sociais comúns dos que podamos extraer datos para poboación xitana. A maioria dos estudos están vinculados a cuestións negativas ou á percepción de poboación non xitana sobre a discriminación ou o discurso do odio, sendo elas e eles obxecto de estudo pero non fonte de opinión.
Por outra banda, os estudos existentes non teñen continuidade no tempo co cal é difícil contar con datos actualizados ou cos que comparar a evolución a través dos anos.
A pesares disto quixemos contar cun marco de análise que permita coñecer o contexto actual da poboación xitana e, en todo caso, presentar unha guía dos principais estudos para quen queira profundizar, sendo unha das nosas principais fontes Resistencias Gitanas de Silvia Agüero e Nicolás Jiménez.
A situación en España
A finais de 2021 aprobouse en España a “Estratexia Nacional para a igualdade, inclusión e participación do pobo xitano, un documento que dá continuidade á “Estratexia Nacional para a Inclusión da Poboación Xitana en España 2012-2020” e que pretende consolidar as políticas sectoriais con enfoque inclusivo e impulsar as políticas de prevención e eliminación do antixitanismo, as políticas de inclusión social e o fomento da participació da poboación xitana en todas as esferas da vida pública, a nivel individual e asociativo.
Esta estratexia parte dunha diagnose en diferentes áreas, por exemplo, na educación. A pesar dos avances nos últimos anos, tan só un 15% da poboación xitana completou a educación primaria. No caso da fenda de xénero, o 69% das nenas xitanas abandona a escolarización a idades tempranas, fronte ao 20% da poboación xeral.
Este dato crúzase cunha fenda dixital extendida, O 26% dos fogares da poboación xitana non conta con equipamento informático e o 23% enfrenta dificultades de acceso á información, o cal limita moito máis o acceso á educación telemática extendida na pandemia.
No ámbito da saúde, segundo datos de 2020, un 16% das persoas xitanas sentiron discriminación ao acudir a unha consulta médica. Por outra banda a porcentaxe de persoas xitanas que considera o seu estado de saúde como regular, malo ou moi malo é dun 51,8%
No que se refire ao emprego, é onde atopamos maior diferenza por idade, xénero e étnia. A situación é preocupante: A tasa de actividade das mulleres xitanas é do 38,5%, fronte a un 76,2% dos homes xitanos e un 53,1% das mulleres non xitanas.
Na recollida e análise dos datos atopamos amplas diferenzas entre homes e mulleres, sendo a cuestión de xénero unha cuestión determinante, pero non o é máis que a etnia.
Se facemos unha comparativa entre mulleres xitanas e non xitanas a fenda é un abismo, con datos porcentuais moitas veces extremados. En case todos os aspectos analizados atopamos unha diferenza de 4 puntos.
Un 36% das mulleres xitanas en España casa antes de cumprir os 18 anos, fronte ao 1,08% de mulleres non xitanas, cunha media de idade de 33 anos.
No caso do emprego/desemprego e tasa de actividade, a tasa de emprego das mulleres xitanas sitúase nun 16% mentres que no caso do resto das mulleres supera o 60%, o desemprego afecta a un 51% das xitanas españolas a a un 17% das non xitanas.
Por último se comparamos a autopercepción da saúde, entre as mulleres xitanas un 55% percibe esta como boa ou moi boa fronte ao 70% de resto de mulleres.
Estes datos presentan unha situación de desigualdade estrutural da poboación xitana en xeral e da muller xitana en concreto, que trae consigo un laberinto de prexuízos sustentados na vinculación automática e moi pouco difusa das persoas xitanas con características, adxectivos e realidades que teñen que ver co seu estatus social e constrúen un handicap moi asentado no noso imaxinario como sociedade.
Un prexuízo que perdura
A comunidade xitana en España segue sendo víctima dunha discriminación permanente e cotidiana, que afecta a diversos ámbitos como a educación, ocio, acceso á vivenda e emprego.
Sen dúbida algunha a maior das diferenzas entre a poboación xitana e a poboación paya é ter sufrido algún tipo de discriminación racial. Entre as mulleres entrevistadas por Silvia Agüero e Nicolás Jiménez para Resistencias Gitanas, o 30% das mulleres xitanas reflexan ter sido obxecto de discriminación no último ano.
Esta discriminación aliméntase da imaxe negativa do pobo xitano e repercute no incremento da súa vulnerabilidade limitando o seu acceso á vivenda, emprego ou espazo público. Nun estudo de 2020 o 43% da poboación xitana afirmou ter sufrido algún tipo de incidente discriminatorio nos últimos 12 meses, reportando as máis altas tasas de discriminación no acceso á vivenda (31%), a establecementos e espazos públicos (31%), ao emprego (30%) e o rexeitamento do vecindario (8%) [Fonte: “Estudio sobre la percepción de la discriminación por origen racial o étnico por parte de sus potenciales víctimas en 2020” Consejo para la Eliminación de la Discriminación Racial o Étnica (CEDRE)
En decembro de 2023 publicáronse os resultados do Eurobarómetro Especial sobre a Discriminación en Europa. A nivel europeo máis da metade das personas consultadas (65%) consideran que existe discriminación xeneralizada por ser unha persoa xitana e en España o porcentaxe acada o 70%. Estes datos convirten ás persoas xitanas no colectivo máis discriminado segundo a percepción da cidadanía e supoñen un aumento de 5 puntos dende o estudo anterior (2019).
Ademáis deste incremento, ben da percepción, ben da consciencia sobre o antixitanismo entre as personas non xitanas, nos últimos anos déronse tamén novas formas de discriminación. Obsérvase un incremento significativo dos discursos antixitanos nas redes socais e o antixitanismo xa é o terceiro motivo de odio máis reportado en liña ( o 12,5% do total das mensaxes.
A pandemia impactou negativamente neste tipo de mensaxes, por exemplo creando novos espazos de discriminación, como os accesos ao sistema sanitario ou coa aparición de fake news que responsabilizaba á poboación xitana da expansión do virus.
Como noutros aspectos, os discursos de odio ten una dimensión de Interseccionalidade e xénero: Hai discursos que afectan de maneira específica ás mulleres xitanas, en ámbitos como os centros comerciais, supermercados, ou no acceso á saúde e a calidade do servizo.
Con todo isto, os estudos consultados coinciden en salientar a “infradenuncia”: Mantense unha alta tasa de casos “non denunciados”, o que suxire que o problema podería ser maior do que reflexan as estadísticas. Só o 11,5% das persoas xitanas que sufriron discriminación presentaron alguna queixa ou denuncia, frente ao 18,2% do total de grupos enquisados.
Consolidando estereotipos: o papel dos medios
Con todo, os medios de comunicación crean e consolidan prexuízos a través de argumentarios que poden pasar desapercibidos ou moitas veces parecer “inocentes”, Por exemplo facendo unha representación sesgada e estereotipada, sobre todo das mulleres, presentadas como vítimas ou artistas; a falta de diversidade e representación, sen postos visibles ou de redacción nos diferentes medios; o sensacionalismo e o morbo, por exemplo con programas que explotan os estereotipos; e a desinformación e fake news, por exemplo difundindo a percepción de axudas públicas por parte do colectivo.
A punta de lanza desta instrumentación é a propagación nos medios de comunicación do discurso antixitano:
Fundación Secretariado Gitano recolleu no seu informe 2023 68 casos de discriminación en medios e 217 casos de odio en redes, 28 máis que o ano anterior.
